Universidade de Vigo

Sensor/dispositivo para a trazabilidade e a medición de parámetros en túnidos

Demostrador tecnolóxico colaborativo con ANFACO-CYTMA no marco do proxecto EDIH DATAlife, que desenvolveu un sensor/dispositivo para a súa implantación no atún no momento da captura, destinado á trazabilidade e á medición de parámetros de calidade de cada exemplar. O dispositivo permanece no exemplar desde a súa captura ata a súa chegada á planta de procesado. A través dunha aplicación, é posible descargar e visualizar os datos rexistrados ao longo de todas as etapas do proceso, desde a captura, o transporte e ata a localización final do produto.

O desenvolvemento deste dispositivo baséase na importancia de realizar un arrefriamento rápido dos peixes inmediatamente despois da súa morte, así como de manter a cadea de frío, mesmo durante as sucesivas descargas do produto, co obxectivo de minimizar riscos para a saúde humana asociados a unha mala conservación da cadea de frío, como a formación de histamina.

Responsable: Ana Vázquez Alejos.

Simulador virtual de colonoscopias

LoGiViT (Low-Cost Gastrointestinal Virtual Trainer) é un simulador inmersivo de colonoscopia baseado en realidade virtual, deseñado para a formación de profesionais da medicina dixestiva nun contorno seguro. A plataforma permite practicar a exploración do colon cun endoscopio real sensorizado, recreando escenarios anatómicos e patoloxías mediante modelos 3D sintéticos, e incorpora análise automática do rendemento e retroalimentación baseada en intelixencia artificial.

Grazas ao proxecto DATAlife, o demostrador foi mellorado mediante a optimización das mallas e texturas dos modelos 3D, acadando unha representación máis realista do interior intestinal e reducindo os erros asociados ás deformacións anatómicas. Ademais, ampliouse o catálogo de pólipos e lesións dispoñibles, permitindo crear escenarios de adestramento máis variados e mellorando a experiencia de aprendizaxe e diagnóstico. Actualmente, LoGiViT atópase nunha fase avanzada de desenvolvemento, previa á súa validación clínica.

Responsable: Manuel Caeiro Rodríguez.

Tecnoloxías para a interacción física con persoas maiores en contornas residenciais e domiciliarias

Este demostrador, desenvolvido dentro do proxecto EDIH DATAlife no marco das necesidades identificadas no sector saúde-coidados, explora o uso da tecnoloxía RFID para a monitorización non invasiva de persoas maiores. A solución permite detectar a presenza, o repouso e o movemento mediante sensores RFID pasivos integrados na roupa, sen necesidade de baterías nin dispositivos wearables. Ademais, ao non empregar cámaras, garante a privacidade das persoas usuarias. O banco de probas implementado avalía técnicas de recoñecemento da actividade humana (HAR) baseadas en RFID, co obxectivo de avanzar cara a solucións de monitorización intelixentes aplicables tanto en residencias como no ámbito domiciliario.

Responsable: Francisco Javier González Castaño.