Universidade de Vigo

Un proxecto en tecnoloxías 5G de atlanTTic seleccionado no Programa Ignicia

O proxecto EdgeContinuum coordinado polo profesor da EE de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Felipe Gil, vén de ser seleccionado para acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié. O obxectivo desta iniciativa é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación galega en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos.

EdgeContinuum xurde dos activos de investigación do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), punteiro en redes 5G e edge computing co obxectivo de sentar as bases para comercializalos. O seu valor diferencial reside en dous aspectos clave, protexidos por unha patente: a xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal.

Xunto a este proxecto tamén foi seleccionado outro da UVigo, MytUniSex, liderado polo profesor Ángel Pérez Diz, investigador do CIM, cuxo obxectivo é o desenvolvemento e valorización da metodoloxía de produción masiva tras selección xenética asistida por análises moleculares de liñas de mexillóns unisex, con características comercialmente máis atractiva como a cor alaranxada da vianda.

Ademais destas dúas iniciativas, a Xunta seleccionou outros sete proxectos: dous promovidos polo centro tecnolóxico Gradiant e cadanseu da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Proxectos aliñados coas capacidades industrias de Galicia

Como explican dende a Xunta de Galicia, os nove proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia.

En canto á fórmula de comercialización, inicialmente está previsto que sete dos proxectos cheguen ao mercado a través da creación dunha spin-off, mentres que os dous restantes farano a través do licenciamento das súas tecnoloxías á industria. Os proxectos seleccionados contan cun orzamento medio de 450.000 € e unha duración media de 24 meses. Neles estarán implicadas 63 persoas investigadoras, das que 34 (54%) son homes e 29 (46%) mulleres.

Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización da tecnoloxía para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.

EdgeContinuum

Detrás de EdgeContinuum está un equipo formado por Felipe Gil, Cristina López Bravo, Javier González Castaño, Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz. Explican que a tecnoloxía 5G ten dado solución a problemas preexistentes, pero tamén ten habilitado novos casos de uso, algúns dos cales requiren “latencia ultrabaixa e son computacionalmente intensivos, requisitos non compatibles con despregues cloud debido á latencia engadida pola distancia”. Ademais, engaden, outros casos relacionados co internet das cousas ou as aplicacións inmersivas son computacionalmente intratables en dispositivos finais e economicamente inviables no cloud e a isto súmase o feito de que a información sensible débese almacenar con garantías en zonas xeográficas delimitadas. Para dar solución a estas necesidades “de cómputo próximo, seguro e confiable, nace o paradigma edge computing, que permite executar aplicacións no borde ou edge da rede”.

A solución que achegan aposta pola xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal e poderase despregar tanto en contornas heteroxéneas como desconectadas, incrementando a escalabilidade, abaratando os despregues e habilitando aplicacións móbiles con requisitos extremos. Ademais, a solución será compatible coas interfaces estándar da arquitectura 3GPP EdgeAPP e o núcleo de rede 5G do 3GPP e fará uso de tecnoloxías innovadoras de virtualización lixeira. O proxecto edgeContinuum está avalado por prescriptores de talla mundial como Cisco e os tres grandes operadores españois: Telefónica, Orange e Vodafone, así como por empresas tecnolóxicas galegas que son referentes internacionais como Optare Solutions.

16,6 m€ mobilizados dende 2016

Desde a súa posta en marcha en 2016, o programa Ignicia mobilizou un investimento total de 16,6 M€, incluídos os preto de 4 millóns de euros cos que está dotada esta edición. Durante este tempo, o programa apoiou 23 proxectos, dos que 10 están en desenvolvemento e 12 teñen acadado xa o éxito comercial, a través de 9 empresas tecnolóxicas ou startups e 3 acordos coa industria, que foron quen de xerar máis de 100 empregos de alta cualificación.

Nas tres convocatorias anteriores, a UVigo acadou financiamento para un total de sete proxectos, por un importe de máis de 2,5 millóns para madurar os resultados, valorizalos e achegalos ao mercado. De feito, de proxectos Ignicia xurdiron empresas como Alen Space ou Ancora Mobile e conseguise que outras tecnoloxías e resultados cheguen ao mercado a través de licenzas a importantes empresas.