Universidade de Vigo

atlanTTic inaugura un ciclo de xornadas sobre tecnoloxía e igualdade

A primeira xornada celebrarase o 12 de decembro no Edificio Miralles da Universidade de Vigo e tamén se poderá seguir en streaming. “Conectando en igualdade” dedicará a primeira sesión ao ámbito aeronáutico e espacial.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) organiza o vindeiro 12 de decembro, coa financiación do Distintivo de Igualdade da Unidade de Igualdade da UVigo, a xornada “Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico” coa que dará comezo a un ciclo de conferencias e coloquios sobre esta temática. O obxectivo fundamental é concienciar a sociedade trantando de amosar a necesidade de que a tecnoloxía mude cara aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade, xa que o futuro só se pode construir en igualdade se a tecnoloxía tamén se crea e usa dese xeito. 

Esta primeira xornada, que terá lugar na Sala 1 do Edificio Miralles da Universidade de Vigo e poderá seguirse en directo a través de UVigo-TV, comezará ás 11:00 h coa presentación oficial do evento a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e representantes da Universidade de Vigo, da Unidade de Igualdade e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Ás 11:20 comezará a mesa redonda que contará coa participación de Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Yanina Hallak, CEO Co-fundadora de UARX Space; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de telecomunicación de UVigo e Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora do grupo GTA de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. A mesa redonda estará moderada pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo.

Para rematar a xornada están programadas varias dinámicas de grupo e turno para o debate e a reflexión sobre os asuntos tratados nas conferencias e outros que se propoñan relacionados coa temática da xornada.

Para participar na xornada é preciso inscribirse previamente no formulario dispoñible na web de atlanTTic, onde hai máis información sobre o programa do evento (https://atlanttic.uvigo.es/).

Actividades impulsadas polo Distintivo de Igualdade da UVigo

O centro atlanTTic sumouse este ano á lista de centros da Universidade de Vigo que contan co Distintivo de Igualdade polo que se recibe financiamento para celebrar este tipo de xornadas no marco das axudas que concede a Unidade de Igualdade da UVigo para a organización de actividades de promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

O Centro acadou esta distinción na terceira edición desta convocatoria, que ten como obxectivo recoñecer, impulsar e incentivar a promoción da igualdade entre homes e mulleres nos centros, facultades e escolas universitarias, a través dun proceso de avaliación das actividades, iniciativas e prácticas que realizan neste eido. As vindeiras xornadas que está previsto realizar centraranse noutros ámbitos da enxeñaría e das tecnoloxías de telecomunicación, e convidarase a profesionais de ámbitos tecnolóxicos para falar arredor dunha temática relacionada, así como para presentar as súas experiencias.