Universidade de Vigo

monodon by Navantia e atlanTTic promoven a innovación en comunicacións submarinas co ‘The Pulse Hackathon’

monodon by Navantia, a área de innovación da compañía e o laboratorio QOPHI Lab do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo celebraron, entre o 8 e o 10 de xullo no edificio Miralles do campus de Vigo, The Pulse Hackathon, un desafío técnico de 28 horas centrado no desenvolvemento de solucións innovadoras no ámbito das comunicacións ópticas submarinas.

20 estudantes procedentes da UVigo e doutras universidades como a de Luxemburgo, a Universidad Complutense de Madrid, ETH Zürich, a Universidad de Almería, a Universitat Politècnica de València (UPV), a Universidade da Coruña, o Politecnico di Torino e a Universidade de Oviedo, traballaron en equipos de forma intensiva en retos reais do campo da fotónica aplicados ao ámbito mariño. Durante todo o proceso os participantes contaron co acompañamento de mentores expertos e desenvolveron as súas propostas nun ambiente colaborativo e de excelencia técnica.
O hackathon serviu como punto de conexión entre industria, investigación e talento emerxente, fomentando o desenvolvemento de novas capacidades en tecnoloxías clave para as comunicacións do futuro.

Comunicacións máis eficientes baixo a auga 

Aínda que o ámbito mariño plantea desafíos únicos para a transmisión de información, debido a factores como a absorción, a dispersión ou a turbidez da auga, as comunicacións ópticas submarinas ofrecen vantaxes significativas, entre elas altas taxas de transmisión de datos, menor detectabilidade e maior seguridade, así como a posibilidade de operar en rangos específicos do espectro óptico onde a absorción da auga é menor.

Neste contexto, o hackathon permitiu explorar solucións innovadoras e non convencionais, abrindo novas vías para avanzar neste campo tecnolóxico emerxente. “Para desenvolver os produtos e tecnoloxías do futuro, necesitamos reunir ás empresas cos mellores científicos do campo, pero tamén cos novos talentos que queiran traballar en investigación e desenvolvemento no futuro”, sinalan os organizadores.

Equipos premiados 

A sesión de clausura celebrada este venres centrouse na presentación das solucións desenvolvidas por cada equipo e trala deliberación do xurado, composto por profesionais do ámbito industria e académico, anunciáronse os equipos gañadores do desafío e entregáronse os premios ás tres mellores propostas.

O primeiro premio foi para o equipo formado por Sergio Gándara Gándara, Adrián Garrote Camoira, Antonio Cano Romero e Daniel Quintana Alonso; e o segundo outorgóuselle ao equipo composto por Antonio Jesús Martínez, Caterina Teijeiro, Jorge Martínez Cepa, Raúl Amado Taboada e Girogia Mazzaro. Tamén se entregaron un premio individual á mellor oradora na sesión de pitch, a Jiayi Zou, e outro á creatividade e innovación para o grupo integrado por Aroa González, Hugo Lario Citoula, Ignacio López Miralles, Jiayi Zou e Gabriel Lionel.

Con iniciativas como The Pulse Hackathon, monodon e o QOPHI Lab de atlanTTic reforzan o seu compromiso coa innovación aberta e o impulso do talento mozo en áreas tecnolóxicas estratéxicas, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións avanzadas para os desafíos do secctor marítimo.

Fonte: DUVI.