
A falsificación de produtos e documentos constitúe un desafío global que afecta sectores tan diversos como o farmacéutico, o alimentario, o electrónico e o dos bens de consumo. A evolución das ameazas dixitais e os posibles avances da computación cuántica engaden novos retos aos sistemas actuais de autenticación e impulsan a procura de mecanismos que ofrezan maiores garantías de seguridade. Neste contexto enmárcase QuantumPUF, un proxecto europeo no que participa a Universidade de Vigo como única entidade española e que busca desenvolver unha nova xeración de tecnoloxías baseadas en principios cuánticos e fotónicos para verificar a autenticidade de obxectos físicos e documentos e dificultar a súa falsificación.
A través do Vigo Quantum Communication Center, VQCC, centro líder no desenvolvemento de tecnoloxías de comunicación cuántica para as telecomunicacións, a UVigo lidera o paquete de traballo dedicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica, unha das áreas fundamentais do proxecto. “O noso principal obxectivo será estudar ata que punto estes novos dispositivos poden ofrecer garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación”, explica Davide Rusca, investigador do VQCC responsable da investigación.
Coordinado polo Instituto de Telecomunicações de Portugal, QuantumPUF arrancou hai apenas unhas semanas e terá unha duración de catro anos. A iniciativa reúne sete socios de Portugal, España, Alemaña, Suíza e Croacia e dispón dun orzamento próximo aos tres millóns de euros, procedentes do programa europeo Horizon Europe, dos cales preto de 300.000 lle corresponden á UVigo.
Solucións que poderán instalarse nos teléfonos intelixentes
O proxecto, cuxo nome completo é Portable Readout Quantum Physical Unclonable Functions using Luminescent Materials for Authentication, pretende avanzar no desenvolvemento de funcións físicas non clonables (PUF, polas súas siglas en inglés). Estes sistemas aproveitan as características físicas únicas dun obxecto para xerar unha identidade difícil de reproducir ou copiar, fronte ás limitacións que poden presentar outros mecanismos de autenticación convencionais. Para conseguilo, o consorcio deseñará tres tipos de PUF fotónicas: clásicas, con lectura cuántica e plenamente cuánticas. Os dispositivos estarán baseados en materiais luminiscentes, entre eles nanopartículas híbridas orgánico-inorgánicas e complexos baseados en lantánidos, cuxas propiedades ópticas permitirán codificar información a través de características espectrais, espaciais e temporais.
O obxectivo é desenvolver solucións que poidan fabricarse mediante técnicas escalables, como a impresión por inxección de tinta, e que, nas aplicacións máis prácticas, se poidan ler mediante sistemas ópticos portátiles integrados en teléfonos intelixentes. Deste xeito, QuantumPUF aspira a facilitar a verificación da autenticidade de produtos, documentos e dispositivos físicos, combinando materiais fotónicos innovadores con ferramentas criptográficas avanzadas.
“Non abonda con fabricar un dispositivo difícil de reproducir”
A contribución específica da Universidade de Vigo céntrase no paquete de traballo WP5, dedicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica. O traballo consistirá en avaliar as garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación que ofrecen os novos dispositivos, desenvolver metodoloxías para analizar a súa seguridade e identificar posibles vulnerabilidades. O equipo tamén estudará como protexelos fronte a diferentes tipos de ataques, incluídos aqueles que aproveitan as imperfeccións dos dispositivos físicos.
“Non abonda con fabricar un dispositivo difícil de reproducir: é necesario tamén determinar baixo que condicións pode ofrecer garantías de seguridade e como estas poden verificarse na práctica”, explica Rusca. O investigador salienta así un dos retos centrais do proxecto: “conectar os modelos teóricos de seguridade co comportamento real dos dispositivos experimentais”.
Neste ámbito, o equipo da UVigo colaborará estreitamente cos investigadores do Instituto de Telecomunicações de Lisboa e da Universidade de Xenebra, co obxectivo de integrar a análise da seguridade nas diferentes fases de desenvolvemento das tecnoloxías de autenticación.
A incorporación ao consorcio do VQCC xurdiu a partir dunha proposta de Emmanuel Zambrini Cruzeiro, do Instituto Superior Técnico de Lisboa, para que o grupo da Universidade de Vigo asumise o liderado desta área de traballo. Segundo Rusca, a iniciativa encaixa coa experiencia do VQCC na análise da seguridade das comunicacións cuánticas e das vulnerabilidades que poden aparecer ao trasladar os modelos teóricos ás implementacións experimentais.
O investigador destaca tamén a importancia de que a UVigo asuma unha responsabilidade científica propia dentro do consorcio europeo, o que contribúe á proxección internacional do VQCC e abre novas oportunidades de colaboración interdisciplinaria entre os ámbitos da ciencia de materiais, a fotónica, as tecnoloxías cuánticas e a criptografía.
Cara a unha autenticación máis segura e accesible
QuantumPUF celebrou o seu encontro de lanzamento a comezos de mes en Lisboa, coa participación dos integrantes do consorcio. Na xuntanza afondouse xa nalgunha das liñas de traballo coas que tratarán de establecer un marco común para desenvolver mecanismos de autenticación máis resistentes á clonación, ás vulnerabilidades físicas e ás ameazas asociadas á evolución da computación cuántica.
Ademais da seguridade, o proxecto pretende avanzar cara a solucións portátiles, eficientes e con menor impacto ambiental, capaces de adaptarse a diferentes aplicacións. A combinación de novos materiais luminiscentes, sistemas fotónicos e protocolos de seguridade permitirá explorar alternativas aos identificadores dixitais convencionais e contribuír á protección de cadeas de subministración, produtos e dispositivos nun contexto de crecente interconexión.
Fonte: DUVI.