Universidade de Vigo

Máis dun cento de estudantes poñen en práctica as súas habilidades en ciberseguridade

Catro horas por diante para demostrar as súas habilidades en ciberseguridade. 111 estudantes participan esta tarde no CITIC Cyber Competition, un reto organizado polo CITIC, atlanTTic, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade). A cita desenvólvese simultaneamente nos campus de Vigo e A Coruña e tamén en modalidade virtual.

No campus de Vigo participan 28 alumnos e alumnas, principalmente do grao u dos mestrados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, repartidos en oito grupos, que ao longo da tarde están a enfrontarse a retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade. En total, a competición comprende 22 retos divididos nas seguintes categorías: reversing, web, forense, esteganografía, osint, rede e criptografía.

No campus de Vigo o evento estaba previsto que se celebrase nas instalacións de atlaTTic, pero finalmente, ante o elevado número de persoas inscritas, a organización decidiu trasladar a cita ao novo espazo Incuvi, na praza Miralles. A estes estudantes en Vigo súmanse outros 51 que participan dende a sede da Coruña no CITIC e outros 60 que compiten en modalidade virtual.

Premios para os tres primeiros equipos

Esta actividade vén a estreitar aínda máis os lazos entre as universidades de Vigo e A Coruña, que manteñen unha estreita colaboración no eido da ciberseguridade que se materializa nun mestrado interuniversitario neste eido e na Cátedra R que tamén comparten ambas institucións. Os encargados de dar a benvida ás e aos participantes e de inaugurar a competición foron Martín Llamas, director de atlanTTic; Manuel F. González Penedo, director do CITIC da Universidade da Coruña e Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia. Os galardóns entregaranse ás 20.00 horas de mans de Ana Fernández Vilas, coordinadora do MUNICS na Universidade de Vigo e Francisco Javier Nóvoa, coordinador do MUNICS na Universidade da Coruña.

Á ultima hora desta tarde coñeceranse os gañadores da competición, que se poden levar tres premios por valor de 1.000€, 700€ e 300€, así como agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial. Estes galardóns están financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade.