Universidade de Vigo

Persoal investigador de atlanTTic presenta un estudo no congreso ECSSMET 2023

O pasado mes de marzo, a investigadora do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, Uxía García Luis, acudiu ao congreso ECSSMET (European Conference on Spacecraft Structures Materials and Environmental Testing) celebrado do 28 ao 31 de marzo en Toulouse, Francia. Á cita asistiu xunto ao docente e investigador da Universidade de Vigo, Alejandro Manuel Gómez San Juan, tamén pertencente ó grupo GTA.

Durante o evento presentaron os últimos avances no desenvolvemento dunha metodoloxía para a avaliación da perda de rendemento óptico de telescopios espaciais debido a factores termo-elásticos. No desenvolvemento desta metodoloxía participan os investigadores de atlanTTic Fermín Navarro, Fernando Aguado, Pedro Orgeira e Alejandro Camanzo. 

Este estudo aplicouse ao telescopio de observación terrestre VINIS, pertencente ao IAC (Instituto de Astrofísica de Canarias), o cal se atopa en proceso de desenvolvemento. Ademais, tiveron a oportunidade de asistir á presentación oficial das novas European Guidelines for Thermo-elastic Verification, ás cales tiveron a oportunidade de contribuír a través da súa participación no grupo de traballo encargado de avalialas.