Universidade de Vigo

atlanTTic participará no RIES 2022, o fórum de saúde de referencia nacional e internacional do Clúster de Saúde de Galicia

Retos Internacionais do Ecosistema Saúde (RIES) é o fórum internacional de referencia a nivel nacional e internacional liderado polo Clúster Saúde de Galicia (CSG). O evento, xestouse como foro de encontro entre os principais axentes dos sectores sanitario e socio sanitario do eido público-privado a nivel nacional e internacional, en colaboración cos partners estratéxicos da Comunidade CSG.

Neste ano, na súa sétima edición, o Fórum RIES volta a Santiago de Compostela os días 26 e 27 de outubro. O obxectivo do foro en 2022 é o de abordar a saúde de vangarda, coas solucións innovadoras que se desenvolveron para unha mellora da asistencia e o reto de compasar este avance cun impacto sobre os modelos de coidados.

atlanTTic no RIES 2022

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic) participará na edición actual, asistindo por segundo ano consecutivo, cun stand da Universidade de Vigo.

Unha oportunidade para poñer en valor as liñas de investigación do centro, os proxectos e os resultados no eido da saúde dixital. Así mesmo, farase fincapé naqueles proxectos relacionados coa aplicación de tecnoloxías facilitadoras como a realidade aumentada, a intelixencia artificial, o procesado de linguaxe natural ou o 5G, entre outras, en campos como a adherencia terapéutica, a detección temperá de deterioro cognitivo, os sistemas de telemonitoriación, o Internet of Things (IoT) avanzado, o training dos equipos médicos ou o signado automático de lingua de signos en entornos sanitarios ou sociosanitarios.

Algúns dos proxectos que se van presentar gardan relación coa detección do deterioro cognitivo e o acompañamento de persoas enfermas de alzheimer e outras demencias en fase inicial, como CELIA, Frida, NextPerception ou SAPIENS; coa mellora da adherencia terapéutica, como AdEll; coa diagnose e rehabilitación da COVID persistente, como COPERIA; un simulador de colonoscopia baseado en tecnoloxías de Realidade Virtual, como GIViT; ou un dicionario para que o persoal do sector da saúde poida aprender termos médicos en lingua de signos; como SignaMed.

Na edición de 2021, José Luis Alba Castro, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, obtivo o Premio Revelación do Fórum RIES co proxecto SignaMed.