Universidade de Vigo

Xornada de Portas Abertas Conecta con atlanTTic

Conecta con atlanTTic

Queres descubrir de primeira man o que facemos en atlanTTic? O vindeiro venres 20 de outubro, no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), celebramos a nosa Xornada de Portas Abertas, ofrecéndovos a oportunidade de visitar  as instalacións e coñecer de preto o traballo das nosas investigadoras e dos nosos investigadores. A xornada celebrarase en horario de tarde das 16.00 ás 19.00 h. Non podedes faltar!

Inscrición gratuíta

Programa

Durante a xornada #ConectaconatlanTTic, parte do persoal investigador do centro amosará a actividade que está a desenvolver en ámbitos clave para as telecomunicacións. Realizaranse demostracións e presentacións de proxectos para achegar ao público, dun xeito ameno e interactivo, algunhas das nosas principais liñas de traballo:

  • Comunicacións 5G.
  • Comunicacións ópticas.
  • Aplicacións accesibles.
  • Intelixencia artificial.
  • Lightboard.
  • Radar e xeolocalización.
  • Educación dixital.
  • Nanosatélites.

Aparte das demostracións do noso equipo de investigadoras e investigadores, poderedes coñecer as instalacións e visitar varios dos nosos laboratorios, como o laboratorio de acústica e a cámara semianecoica, o laboratorio de fotónica e o laboratorio de seguimento de satélites.

Ademais, facer un percorrido por tódolos stands pode ter premio! Ao completar o circuíto, poderedes entrar no sorteo dun kit de atlanTTic con regalos personalizados do noso centro para lembrar dun xeito moi especial a vosa visita.

Agardámosvos o día 20 de outubro en atlanTTic!

No museo MARCO de Vigo, 17 de outubro

Este ano, como novidade, o evento inclúe tamén na súa programación unha xornada para achegar a actividade do centro á rúa, e instalará un posto informativo o martes 17 de outubro no museo MARCO de Vigo, na rúa Príncipe, que estará dispoñible entre as 16:00 e as 20:00 horas. Neste posto, investigadores e investigadoras de atlanTTic farán diversas demostracións dalgúns proxectos relacionados coas comunicacións 5G, e contarán con un dron que ten conectividade 5G e co “can-robot” Santi, un modelo de robot cuadrúpedo, que conta cunha mobilidade moito más ampla en comparación con outro tipo de autómatas e que emprega tecnoloxía 5G e conéctase a un sistema de videoconferencia que permite realizar un control remoto do seu movemento en tempo real, todo isto mentres se visualizan os datos das súas diversas cámaras. A asociación UVigo Spacelab tamén amosará as súas maquetas e os últimos proxectos de nanosatélites, e haberá xogos e agasallos para as persoas que se acheguen a visitar o stand.

Así foi a Xornada de Portas Abertas de 2022

Na pasada edición as persoas que se achegaron ao centro puideron só coñecer os proxectos máis innovadores do noso persoal investigador e tamén tiveron a oportunidade de visitar as cámaras anecoicas e outras salas e descubrir o que se fai nelas.

Como chegar

Dirección:
Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Universidade de Vigo
Rúa Maxwell s/n, Campus As Lagoas-Marcosende
36310 Vigo

En transporte urbano:
U1 Lanzadeira Praza América
U2 Lanzadeira Praza España
L15C

Esta actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.