Son Doutor en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) desde o 2010. Realicei actividades docentes no grao de enxeñaría aeroespacial, no máster de tecnoloxía espacial (MST-UPM) e no máster de enxeñaría aeronáutica, durante a miña estadía na UPM (2010-2014) e na Universidade Europea de Madrid (2015-2019). Actualmente son profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo na Universidade de Vigo, na área de Enxeñería Aeroespacial.
A miña actividade investigadora encádrase na tecnoloxía de vehículos espaciais e en aerodinámica civil e aeronáutica. Os meus campos de especialización dentro da tecnoloxía espacial son: control térmico, análise termo-elástico, análise de misión, e control de actitude. No IDR desenvolvín actividades de investigación e estadías de soporte técnico como apoio ao control térmico de naves espaciais en varias misións da ESA (subsistemas NOMAD en ExoMars e EPD en Solar Orbiter), no ‘Belgian Institute for Aeronomy Space’ (Bruxelas) e no ‘Institute of Experimental and Applied Physics’ (Universidade de Kiel). No programa ExoMars, levei a cabo o control térmico do instrumento NOMAD superando as revisións Preliminary Design Review (PDR) e Critical Design Review (CDR). Na miña estandía na Universidade Europea de Madrid tiven a oportunidade de ser coordinador dun programa de picosatélite (UESAT1-EASAT2), onde desenvolvín actividades de análises de misión e térmica. Actualmente, participo como enxeñeiro de control térmico e ensaios en WipTherm. Tamén estou adicado ao soporte técnico en control térmico, ensaios e análises termoelásitco, durante o desenvolvemento dos nanosatélites Hypso, para a NTNU de Noruega, e de soporte técnico para a asociación de estudantes SpaceLab da Universidade de Vigo. Ademais, colaboro no desenvolvemento dun vehículo lunar na súa fase de deseño conceptual en conxunto coa Universidade de Oviedo, con funcións de enxeñaría de sistemas e de control térmico.
No campo de aerodinámica, conto con diversas publicacións e relatorios en congresos nacionais e internacionais en relación á aerodinámica de trens de alta velocidade. Participei en proxectos de investigación en aerodinámica de trens en colaboración con Talgo e ADIF, e en aerodinámica de configuracións fuselaxe-cola de avión con AIRBUS OPERATIONS S.L, estando especializado na aerodinámica analítica, en ensaios en túnel de vento de baixa velocidade, e en ensaios sobre o terreo na liña de alta velocidade Madrid-Barcelona. Tamén teño experiencia no prototipado rápido (deseño e fabricación) de maquetas para ensaios en túnel. Recentemente iniciei unha liña de investigación de vehículos aerodinámicos en atmosferas extraterrestres.