Universidade de Vigo

O director de atlanTTic Martín Llamas Nistal, novo presidente da IEEE Education Society

O director de atlanTTic, catédratico da E.E. de Telecomunicación da UVigo exerce xa como novo presidente da IEEE Education Society. O principal obxectivo desta sociedade, fundada en 1957, e o de ser un líder globar na educación da Enxeñaría. “Ante todo é unha honra ser elixido polos meus compañeiros da Sociedade de Educación do IEEE como presidente, que implica recoñecer os meus méritos como investigador na educación da enxeñaría, e ter a súa confianza para dirixir a sociedade nestes dous anos”, explica o catedrático, que tamén destaca a “responsabilidade” do cargo, “que espero poder afrontar adecuadamente, acompañado por un equipo de relevantes investigadores internacionais no noso campo”, sinala.

Esta sociedade promove conferencias de recoñecido prestixio (Frontiers in Education, EDUCON, TALLE, EDUNINE e LWMOOCS), nas que o persoal investigador pode presentar e discutir sobre os seus últimos traballos; así como a publicación de revistas de alta calidade como IEEE ACCESS-Sección Sociedade de Educación, Transactions on Education, Transactions on Learning Technologies (as tres incluídas no JCR) e RITA (proximamente no JCR).

Martín Llamas afronta a presidencia da IEEE Education Society co obxectivo fundamental de “manter e incrementar o noso nivel de excelencia como sociedade do IEEE en aras dun mellor ensino da enxeñería”. Ademais de fomentar a cooperación no ensino da enxeñaría coas demais sociedade do IEEE e outras institucións e promover e incrementar os beneficios dos membros da sociedade.