Universidade de Vigo

A intelixencia artificial a debate na segunda xornada de ‘Conectando en Igualdade’

A intelixencia artificial debe ser tamén feminista. Baixo esta premisa, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, organizou unha nova xornada no marco do ciclo Conectando en Igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico. Este ciclo de actividades, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, ten como obxectivo é concienciar á sociedade sobre a necesidade de que a tecnoloxía mude cara aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade.

Trala primeira xornada dedicada ao ámbito aeroespacial, esta sesión xirou arredor da Intelixencia Artificial (IA) e contou coa participación de cinco mulleres expertas na materia. Na apertura da xornada participaron Martín Llamas, director de atlanTTic, Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e Rebeca P. Díaz Redondo, que reivindicaron a importancia de adestrar á intelixencia artificial para fomentar a igualdade, polo impacto global que ten na sociedade.

Retos e desafíos da IA

Na mesa redonda participaron varias mulleres do ámbito da investigación académica e tamén do ámbito empresarial, que traballan en diferentes áreas da intelixencia artificial (IA). O panel de relatoras estivo formado por Carmen García Mateo, investigadora da área Servizos Dixitais de atlanTTic e catedrática da EET da UVigo; Ana Garriga Domínguez, investigadora do grupo MEDEA-Iuris da UVigo; Verónica Bolón Canedo, investigadora da área Intelixencia Artificial do CITIC da Universidade da Coruña; Silvia Abalo Bóveda, investigadora da área de Información Multimodal de Gradiant; e Sonia Valladares Rodríguez, co-fundadora de DataSalus e investigadora do grupo de Sistemas Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela. O coloquio foi conducido pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo.

As convidadas contaron as súas vivencias ao longo da súa traxectoria profesional e abordáronse multitude de cuestións ligadas á intelixencia artificial como a necesidade de adestrar os algoritmos para evitar os nesgos, non só de xénero, senón tamén de raza, de etnia, etc.; a regulación e a ética, así como o tratamento e a xestión das bases de datos (Big Data). Tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de crear de equipos de traballo diversos e multidisciplinares, e a importancia educar á sociedade, con actividades de divulgación e de fomento das vocacións STEM.

O ciclo ‘Conectando en igualdade’ continuará con próximas xornadas que se anunciarán na páxina web de atlanTTic (atlanttic.uvigo.es).