A provisión de solucións de protección de privacidade de datos sensibles é un aspecto crucial no traballo do noso persoal investigador, situándonos como un referente internacional. A implantación destas solucións potencia a seguridade e a confianza dos usuarios nos sistemas de manexo e procesado de datos privados, sen restrinxir a funcionalidade ofrecida polas empresas/institucións, xerando unha vantaxe competitiva fundamental para as empresas, así como un novo abano de servizos seguros.
Outro dos campos punteiros en investigación de atlanTTic é a criptografía cuántica. Esta, proporciona seguridade absoluta ás comunicacións facéndoas invulnerables mesmo por atacantes que dispuxesen de toda a capacidade computacional do universo. É dicir, son sistemas que non poden ser rotos. Nun mundo onde o tráfico de información delicada ou comprometida é crecente a través de internet, gobernos e institucións son conscientes que deben traballar creando redes seguras de comunicación que empreguen estes protocolos. De feito, atlanTTic é líder en comunicacións cuánticas, sendo o promotor do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), laboratorio especializado en comunicacións cuánticas e fotónicas.

Centro de referencia internacional no ámbito da seguridade, privacidade, criptografía e comunicacións cuánticas. Promotores do laboratorio VQCC e distintas iniciativas tractoras no eido da ciberseguridade.
Liñas de investigación:
- Seguridade multimedia
- Privacidade
- Criptografía e comunicacións cuánticas